Thursday 25 de April de 2024

O Pleno dará hoxe luz verde a unha moción para crear un centro de día para Boqueixón e Vedra


Buscarase ofrecer un servizo provisional ‘á carta’ dirixido a aquelas familias con persoas cun maior grao de dependencia

A Corporación dará esta noite luz verde a unha moción consensuada entre os dous grupos con representación (PP e Veciñ@s de Boqueixón) para impulsar a creación dun centro de día que ofreza servizo á veciñanza de Boqueixón e de Vedra. Segundo se explica no propio documento, esta iniciativa vén dada pola “necesidade de dar resposta á situación de emerxencia familiar, con enfermos con grao de dependencia avanzados”.
Na moción que se aprobará no pleno ordinario de hoxe tamén se prevé a iniciación do “proceso, incluído o estudo de viabilidade económica, social e xurídica, para dotar aos Concellos de Boqueixón e Vedra dun centro de día compartido”. O prazo establecido para completalo fíxase en “3 anos, podendo pactarse nos respectivos plenos municipais a ampliación deste prazo 1 ano máis se as circunstancias así o requiren”.
Por outra banda, tamén se acordará levar a cabo unha serie de accións mentres non se materializa o proxecto do centro de día conxunto. Neste senso, buscarase o xeito de ofrecer “a prestación do servizo de asistencia cun centro de día, así como o transporte especializado necesario, sempre que e en todo
caso as traballadoras sociais dos Servizos Sociais Comunitarios así o determinen a través da elaboración do Plan Individual de Atención (PAI) como recurso máis idóneo, para o cal terase en conta as expectativas da persoa dependente ou da familia, así como as circunstancias de saúde e necesidades
de atención e a situación socio-familiar e as condicións da vivenda”. Así, procurarase “sempre preservar e garantir a atención idónea do dependente coa premisa de manter o coidado na contorna habitual e retardar ou evitar na medida do posible a institucionalización”.
Todas estas accións levaranse a cabo a través do copago dos servizos entre Boqueixón e Vedra. A posta en marcha destas iniciativas será impulsada por un comité de traballo intermunicipal “integrado polos respectivos alcaldes ou persoas nas que deleguen así como polas técnicas dos Servizos Sociais e
Urbanismo de ambos concellos”.
Estudo para a construción dunha mini residencia
Finalmente, a moción contempla o inicio dun “estudo e planificación da construción dunha mini residencia tamén compartida entre ambos concellos, realizando unha aposta política conxunta de todos os partidos políticos presentes na actual lexislatura en ambos concellos, comprometéndose á construción da dita infraestrutura antes da finalización da seguinte lexislatura, no 2027, independentemente do partido político que ostente o goberno municipal”.